Quantcast
Channel: Bichos e demais familia
Viewing all articles
Browse latest Browse all 1159

De paseo pola contorna (11/03/2020)

$
0
0
   É duro permanecer fechado nun piso co día fermoso que tivemos onte en Ferrol mas nestes momentos cómpre sermos disciplinados e respectar as normas ditadas pola comunidade médica. Aqueles que non temos mascota non podemos camiñar libremente polas nosas rúas e parques (a metade da poboación urbá saltarase a cuarentena varias veces ao día coa desculpa do can). Así pois, veñen tempos de sofá, libros, tele e computador.

  O pasado martes dei un longo paseio de 12 Km que me levou até as parroquias de Santa Icía e San Pedro de Leixa, onde tantas horas teño botado cando neno:


 Paisaxes de Santa Icía (Ferrol)

     As numerosas canles de rego e gavias da estrada adoitan ter anfibios, sempre que teñan augas limpas e dispoñan dalgún remanso.



Sobre o fondo do regato unha figura inconfundíbel, cada día menos habitual: a píntega común.

Cucharón de Píntega (Salamandra salamandra)

   As flores máis temperás comezan encher prados e lindeiros forestais. Unha das máis características é o Agrón de prado (Cardamines pratensis), moi abondoso na comarca de Ferrol.

 Prado inzado de Cardamine pratensis

 Agrón de prado (Cardamine pratensis) Fam. Cruciferae

  Nos prados máis enchoupados e lugares pantanosos destaca a Herba centella (Caltha palustris).


  A sua flor está formada polos sépalos, non polos pétalos, como adoita ser normal nas anxiospermas (plantas con flor). Se lembrades do que estudamos no colexio, os sépalos son as follas verdes e duras que conforman o "cálice", mentras que os pétalos son as follas brandas e vistosamente coloreadas que forman a "corola". Sen embargo na Herba centella únicamente os sépalos rodean os estames (para poder apreciar éstes foi necesario reducir case a tope as altas luces na fotografía).

 Herba centella (Caltha palustris) Fam. Ranunculaceae

  As beiras dos camiños, con substrato máis seco, medra a Chuchamel ou Estruga morta, especialmente sobre substratos nitroxenados.

Chuchamel/Estruga morta (Lamium maculatum)

 En contraste coa beleza da nosa flora temos a porcallada dos verquedoiros ilegais, como éste que atopaba baixo unha autovía.


  Ou estoutro, mesmo xunto á estrada.


  Ademáis do lixo convencional temos o lixo paisaxístico, un valor cultural identitario da nosa terra que produce vergoña allea.

Escultura abstracta anónima

  En fin, a pesares de todo foi unha camiñata moi relaxante, que me levou até unha das últimas granxas de vacún que nos quedan no concello de Ferrol.

Estrada de San Pedro de Leixa



   Cánto teño aprendido entre os seus carballos e ameneiros sendo neno! Case corenta anos despois volvo percorrer aquelas terras e me parece escoitar de novo as voces alegres daqueles rapaces que desfrutaban escoitando o canto aflautado do Ouriolo, asexando ao Peto oculto entre as pólas do ameneiro ou apañando tritóns e rás nas pozas de inverno.


  Se tedes ocasión visitade esta parte do Concello, antes de que desapareza.


Pequena fraga relítica (Quercus robur/Alnus glutinosa)

  E aquí remata este paseo pola miña terra. Tentarei seguir actualizando o blogue con fotos que teño sen publicar e con reedicións de vellas entradas.

Viewing all articles
Browse latest Browse all 1159