Onte despraceime até a comarca luguesa da Terra Chá acompañado por José Ramón Castro. Comezamos a visita na Lagoa de Cospeito.
Panorámica da lagoa des o observatorio de torre nº 5
Foto sacada co móbil Samsung A52
A lagoa dispón agora de amplas masas de helófitos como Typha ou Schoenoplectus. O seu aspecto é bastante atractivo para as acuáticas, mais segue tan baleira de vida coma sempre. Nin sombra do que era hai tan só 20 ou 30 anos.
Masas de vexetación palustre
Só atopamos estas acuáticas (desde os observatorios 1 e 5). En negriña os novos nomes máis novedosos, que teremos que aprender todos.
- 42+ Lavancos reais (Anas platyrhynchos)
- 3 Mergulletes comúns (Tachybaptus ruficollis)
- 1 Zurrasca eurasiática (Rallus aquaticus) escoitada brevemente
- 2 Galiñas de auga comúns (Gallinula chloropus)
- 3 Garzas brancas grandes (Ardea alba). Exemplares inmaturos
- 3 Garzas reais (Ardea cinerea)
Garzas brancas grandes (Ardea alba)
Garza branca grande (Ardea alba)
Grupiño de lavancos reais (Anas platyrhynchos)
Fóra do que son acuáticas gostei de ver outra vez falcóns pequenos (Falco subbteo). Tres exemplares apareceron voando sobre a lagoa e puiden tomar unha imaxe testemuñal. E escoitamos o canto aflautado do ouriolo europeu (Oriolus oriolus), unha especie case desaparecida na zona de Ferrol.
Falcón pequeno (Falco subbuteo)
Despois adicamos a mañá e mediodía a facer camiñadas polos campos da Espiñeira. Uns campos que na súa maioría están agora destinados a herba para forraxe e son sumamente pobres en biodiversidade:
Pradaría de raigrás para forraxe
Apenas quedan unhas cantas fincas de pradeira "normal", con flores e demáis.
Granxa de vacún para leite na Espiñeira
Nos transectos (subidos todos a ebird preme) tivemos algunhas observacións ben interesantes entre outras máis comúns:
- 2 Paspallás migradores (Coturnix coturnix) escoitados
- 1 Perdiz rubia (Alectoris rufa) levantada
- 1 Cuco cincento (Cuculus canorus)
- 8 Rulas bravas (Streptopelia turtur) na granxa
- Case 100 cegoñas brancas (Ciconia ciconia) que se foron xuntando nun terreo que estaba sendo roturado
- 1 Falcón pequeno (Falco subbuteo)
- 3 Voitres eurasiáticos (Gyps fulvus) ciclando moi alto sobre a zona. Hai anos que estas enormes rapinas deixaron de ser noticia nas comarcas do norte galego
- 1 Bubela eurasiática (Upupa epops) tamén na granxa
- 5 Picanzos vermellos (Lanius collurio). 4 MM + 1 F. Obsérvase cerimonia de cortexo
- Unha grande concentración de 30-50 tordos visgueiros (Turdus viscivorus) no terreo que estaba a traballar un tractor. Os poucos exemplares que puidemos fotografar eran todos xuvenís do ano
- 2 Papuxas comúns (Curruca communis). Machos cantores
Voitres eurasiáticos (Gyps fulvus)
Voitre eurasiático (Gyps fulvus)
Buxatos comúns (Buteo buteo)
Falcón pequeno (Falco subbuteo). Toma moi recurtada
Cegoñas brancas (Ciconia ciconia) seguindo tractor
Rulas bravas (Streptopelia turtur)
Bubela eurasiática (Upupa epops)
Picanzo vermello (Lanius collurio)
Picanzo vermello (Lanius collurio). Cerimonia de cortexo