Quantcast
Channel: Bichos e demais familia
Viewing all articles
Browse latest Browse all 1160

19/05/2024 Censo de acuáticas na Frouseira

$
0
0

    Pois vai haber que ir á Frouseira cando chove! Esta mañá en dúas horas de mostraxe só cinco persoas atopadas no paseo peonil e cero cans. Insólito.


Lagoa da Frouseira, Valdoviño. Fotos con Samsung A52

  O tempo tan chuvioso que estamos a ter non favorece a sedimentación de limícolas, das que había unhas cifras moi cativas. Desta volta censei tamén as anatídeas e outras aves reprodutoras. Imos cos dados do observado hoxe:

  • 36 Patos cincentos (Mareca strepera). 21 machos + 15 femias. 
  • 123 Lavancos reais (Anas platyrhynchos). 101 machos + 21 femias. Eu antes sempre tiña coma referencia o número de femias á hora de considerar a poboación reprodutora. Sen embargo José Souza comentou aquí a importancia de controlar eses grupiños de 3-5 machos, que considera coma exemplares reprodutores que xa abandonaron á femia. Tendo en conta que as 22 femias estaban case todas "emparelladas" calculo que habería arredor de 70-75 machos formando eses típicos grupiños pequenos dos que fala o mestre Souza e que el considera, se non entendín mal, coma exemplares desvinculados xa dunha femia reprodutora (corrixe o que proceda, Jose). En calquer caso, non observei nin unha soa rolada de femias con pitos, algo moi preocupante a estas alturas do ano e que insinúa un fracaso masivo nas nidadas por predación, mal tempo, etc.
  • 3 Mergulletes comúns (Tachybaptus ruficollis). Sen indicios de cría, aínda. Os poucos polos que nacen adoitan aparecer entrado o verán, cando a lagoa está pechada e sen influencia mareal.
  • 4 Galos de auga comúns (Fulica atra) agrupados na parte sur da lagoa. Reprodutor moito máis escaso e irregular có mergullete. Necesita un nível hídrico estable.
  • 14 Píldoras cincentas (Pluvialis squatarola)
  • 11 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
  • 1 Píllara das dunas (Anarrhynchus alexandrinus)
  • 1 Mazarico chiador (Numenius phaeopus)
  • 1 Fuselo de rabo pinto (Limosa lapponica)
  • 1 Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos)
  • 5 Virapedras comúns (Arenaria interpres)
  • 2 Pilros grosos (Calidris canutus)
  • 1 Pilro ferruxento (Calidris ferruginea). Quizá eran 2 tamén
  • 41 Pilros tridáctilos (Calidris alba)
  • 33 Pilros comúns (Calidris alpina)
  • 2 Gaivotas patiamarelas (Larus michahellis)
  • 30 Gaivotas escuras (Larus fuscus)
  • 3 Corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo)
  • 2 Garzas brancas pequenas (Egretta garzetta)
  • 4 Cullereiros comúns (Platalea leucorodia)

Galos de auga (Fulica atra). Imaxe testemuñal


Limícolas no areal

Pilro ferruxento (Calidris ferruginea, en amarelo) e pilro groso (Calidris canutus, en laranxa)

Cullereiro común (Platalea leucorodia)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:1600   V:1/640   F:6,3

  Ún dos cullereiros levaba un xeolocalizador no lombo, así como unha anela metálica que me foi imposíbel ler. Entendo que estes instrumentos de seguimento poden dar moita información pero son necesarios nunha especie que non estea en risco de extinción? 

Cullereiro común con transmisor xeolocalizador
OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:1600   V:1/640   F:6,3

 Un adulto portaba anelas de PVC pero bastante choio tiña co censo de anatídeas reprodutoras como para determe nestas cousas (máis secundarias desde o meu ponto de vista).

Cullereiro común. Imaxe moi recurtada
OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:1600   V:1/640   F:6,3

 A maiores das acuáticas cabe salientar a observación dun picanzo vermello (Lanius collurio) macho na zona dos últimos chalés da pista en dirección sur. Probablemente un exemplar en pasaxe migratoria despistado polo mal tempo destes días. Tamén os primeiros voantóns de anduriña común.

Anduriña común (Hirundo rustica). Voantón do ano

 E así rematamos por hoxe. A verdade é que había moitos anos que non desfrutaba tanto camiñando pola pista de miña querida lagoa, sen domingueiros nen mascotistas. Por un momento pensei que estaba en 1986!

Viewing all articles
Browse latest Browse all 1160