Non prometía muito esta chuviosa mañá de Maio cando cheguei ao encoro das Forcadas (Valdoviño). Armado co meu inseparábel paraugas de campo realicei un transecto por varias das estacións de observación habituais coa idea de controlar a cativa comunidade de acuáticas reprodutoras.
Encoro das Forcadas un día de choiva
Con chuvia as pingas que baten contra o paraugas xeran un ruido bastante molesto que impede facer escoitas como é debido. A media mañá parou de chover e clarexou algo.
Cola de Vilaboa
Pero no minuto 40 saltaba a sorpresa no Vicente Calderón: unha garza pequena saía a voar desde a ribeira de Vilaboa, na cola final.
Garza pequena (Ixobrychus minutus)
Colleume totalmente desprevenido e nen puiden identificala ben nen afotala mellor ca estas dúas imaxes testemuñais. Hai moitos anos que non vía a especie por estas terras do Norte, onde probablemente desapareceu coma reprodutora hai máis de 15 anos (facíao na veciña Frouxeira). Recentemente nunha conversa telefónica con José Souza entereime que aínda o fai no encoro de Sabón, perto da Coruña capital.
Garza pequena (Ixobrychus minutus)
Con bastante probabilidade tratábase dalgún exemplar en paso. Porén, haberá que estarmos atentos e atentas, non vaia soar a flauta. É curioso que en Forcadas resulta frecuente a garza vermella (Ardea purpurea) e mesmo temos observado a garza denoiteira (Nycticorax nycticorax), mas nunca antes se tiña citado a pequena, que eu saiba.
Ben, no censo parcial de acuáticas anotei:
- 17 Alavancos (Anas plathyrhynchos) adultos. 6 machos, 4 parellas, unha parella con 4 polos medianos e 1 femia con 6 polos grandes
- 16 Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis) adultos. É un censo incompleto, ollo.
- 21 Mergullóns cristados (Podiceps cristatus) adultos. Paradas nupciais e adulto carrexando material para niño no illote de A Rañoa
- 3 Galiñas de río (Gallinula chloropus)
- 1 Garza real (Ardea cinerea) xoven
- 2 Corvos mariños reais (Phalacrocorax carbo) xuvenís
Mergullón cristado (Podiceps cristatus)
O mergullón cristado é un recente colonizador, beneficiado pola introdución de especies exóticas (o dano terríbel que causan no ecosistema esas especies invasoras é tema aparte, cortesía do lobby da pesca). Cómpre recoñecer que este mergullón resulta unha especie fotoxénica coma poucas.
Mergullón cristado (Podiceps cristatus), foto recurtada
Sony RX10 III focal 600 mm ISO:400 V:1/320 F:4,5
Coma sempre, o illote de A Rañoa acubilla a maioría das parellas de cristado. Esta ano o encoro mantén un nível bastante baixo (cousas da empresa que o xestiona) e desde logo iso vai prexudicar moito a tempada de cría.
Mergullóns arredor do illote de A Rañoa
Mergullón cristado (Podiceps cristatus), imaxe recurtada
Sony RX10 III focal 600 mm ISO:200 V:1/500 F:4
Vista desde A Rañoa
Muitos paseriformes insectívoros están con polos, coma este ferreiriño cristado, un párido que se adaptou a vivir nos eucaliptais, a condición de que dispoñan de parcelas de hábitat axeitado polo medio (masas de loureiro ou algúns pés de piñeiro ou carballo, por exemplo).
Ferreiriño cristado (Lophophanes cristatus) con bicada
Sony RX10 III focal 600 mm ISO:1600 V:1/320 F:4
Hai que tomalo con humor, porque... en fin...