Quantcast
Channel: Bichos e demais familia
Viewing all articles
Browse latest Browse all 1160

Novidades cos gaivotóns (Larus marinus) do asteleiro

$
0
0

  Os gaivotóns que están a nidificar no asteleiro de Navantia-Ferrol volvéronse ben famosos e xa me  perguntan por eles algúns compañeiros de traballo. Este ano esperemos que a parella teña éxito, logo do fracaso de 2019 e da incertidume de 2020, cando non se puido facer seguemento.

Gaivotón (Larus marinus) nos peiraos de Navantia (foto 2019)

  Desde hai semanas estou a controlar o peirao abandoado onde fixeron o niño hai dous anos. Os gaivotóns seguen moi aquerenciados alí, aínda que agora repousan sempre nos bloques de pedra que se elevan sobre o peirao.

Peirao abandoado onde está a colonia de gaivotas

    Nestes últimos días non saen dalí e iso lévame a pensar que poden estar xa en pleno proceso de nidificación. De feito xa observei a cópula da parella. Desde logo o anterior emprazamento do niño estaba moito máis exposto ante un presunto ataque dos gatos, pois eles seguen a ser os principais sospeitosos da desaparición dos pitos.


  Hoxe antes de "fichar" achegueime e puiden observar a parella. Logo de estar arriba no alto dun bloque baixaron a se alimentar aproveitando a baixamar. Non tiña óptica pero seguramente estaban a comer mexilóns ou outro molusco pegado nas pedras, como fan as patimarelas (Larus michahellis).

Gaivotóns alimentándose na baixamar

  Teño a sensación que este ano van adiantar moito a posta, adaptándoa ao normal da especie en territorio galego. Sería unha magnífica nova porque coincidindo cos polos de patimarela terán seguramente maior probabilidade de supervivencia. Lembremos que en 2019 a colonia quedou baleira de patimarelas cando os polos de gaivotón eran aínda moi novos e iso puido influir na sua misteriosa desaparición.


  Despedímonos con duas fotazas dun valor documental extraordinario. Os primeiros ovos de Larus marinus postos na comarca de Ferrol e os primeiros pitos nacidos na provincia coruñesa (entendo que os de Arousa pertencen a Pontevedra, penso). Anteriormente chegaron a poñer ovos nos illotes de San Pedro (A Coruña) pero non lograran eclosionar (Antonio Sandoval, comun. persoal) e presumíbelmente na Pena Furada (Ortigueira), onde Álvaro Barros víu adultos deitados en niño no 2007 (Jorge Mouriño vía Galiciaves).

Ovos de Larus marinus

Primeiros pitos de Gaivotón nacidos en Ferrol en 2019

 Desde Navantia-Ferrol, seguiremos informando.


Viewing all articles
Browse latest Browse all 1160