Quantcast
Channel: Bichos e demais familia
Viewing all articles
Browse latest Browse all 1160

25/04/2025 Explosión de libeliñas en Neda

$
0
0

 Onte tivemos un día primaveral con calor ao mediodía (máx de 25ºC en Ferrol). Quería cambiar un pouco a temática do blogue e ao saír do traballo fun ao Rego de Basteiro, en Neda:

Rego de Basteiro (Neda)


  Este rego é unha canle artificial construída cando se fixera a presa do Belelle, río do que emana para desembocar na ría formando un mini-delta xunto ao cauce principal. Por desgraza está suxeito a limpezas periódicas de vexetación, xa que no inverno é causa de moitos asolagamentos na zona.

Rego de Basteiro (Neda)
Sony RX10 III focal 30 mm   ISO:64    V:1/320   F:4

  Sen embargo agora está moi suxo e por tanto cheo de vida, ainda que botei de menos algunha galiña de auga (Gallinula chloropus), que teño visto antes dalgunha desas "limpezas".

Tramo con cobertura de Typha sp

  É doado ver algunha femia de lavanco real con polos, que se deixan bastante, en termos fotográficos. Hai un paseio peonil en parte do río e están afeitos á presenza humana/canina.

Lavanco real (Anas platyrhynchos) femia con pitos

 Poucas cousas máis bonitas hai que unha ringleira de pitiños novos de pato.

Poliños de lavanco con poucos días de idade

 Además de aves outros vertebrados viven no Basteiro; coma troitas (Salmo trutta fario, en pequena cantidade), ou rás verdes (Pelophylax perezi), das que contaba uns 20-30 ex. Pareceume escoitar o sapo común (Bufo spinosus) en dous pontos, mas non cheguei observalo.

Rá verde (Pelophylax perezi) entre Potamogeton natans

  Porén a nova onte foi a tremenda emerxencia de libeliñas observada nese tramo do Basteiro, duns 360 m de lonxitude. Unha explosión de odonatos que non esperaba a finais de abril, e menos logo duns días auténticamente invernais, con moita chuvia e saraiba na zona. Isto foi o que vin:
  • 4 Gaiteiros azuis (Calopteryx virgo)
  • 1 Donceliña sp (Ischnura graelsii/elegans). Por aquí temos ambas spp
  • 1000+ Donceliñas de Mercurio (Coenagrion mercuriale), estimadas de maneira conservadora (poderían ser 2000 perfectamente). Había partes do río que literalmente estaban cheas delas. Trátase dunha especie vulnerable que mantén na ría boas poboacións na contorna do Belelle. Moitas cópulas
  • 50+ Donceliñas vermellas (Pyrrhosoma nymphula). Tamén calculadas polo baixo (resulta difícil censar e fotografar a un tempo). Numerosas cópulas
  • 1 Emperador grande (Anax imperator) femia ovopositando no río
  • 1 Libélula maculada (Libellula quadrimaculata)
  • 1 Lavacú escarlata (Crocothemis erythraea) teneral ou femia. Libélula que non vía por Ferrol desde que o encoro de Forcadas eutrofizou
  • 2-3 Libeliñas peludas (Brachytron pratense). Odonato bastante raro a nivel peninsular e que conta con poboacións en varios pequenos humidais da comarca ferrolán.

Gaiteiro azul (Calopteryx virgo)

  Lembrade que todas as fotos están recurtadas, pois foron tomadas desde 1 a 3 m de distancia.

Donceliña de Mercurio (Coenagrion mercuriale)

Cópula de donceliña de Mercurio (Coenagrion mercuriale)
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:200   V:1/320   F:5,6

Donceliña de Mercurio (Coenagrion mercuriale)
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:100   V:1/500   F:4,5

Donceliña sp (Ischunra graelsii/elegans)

Cópula de donceliña vermella (Pyrrhosoma nymphula)

Donceliña vermella (Pyrrhosoma nymphula) macho
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:100   V:1/250   F:4,5

Femia de emperador grande (Anax imperator) ovopositando

Libélula maculada (Libellula quadrimaculata)
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:200   V:1/400   F:5

Libélula maculada e donceliña de Mercurio
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:200   V:1/400   F:5

  Aos 2-3 exemplares de libeliña peluda que patrullaban incansablemente a parte máis sombriza do río non puiden fotografalas, pois non pousaban nunca. Só logrei esta imaxe testemuñal, que non serve para que os revisores de Observation homologuen a cita. Haberá que tentalo outro día.

Libeliña peluda (Brachytron pretense). Toma testemuñal

 Para que os lectores vos fagades idea de cómo é este peculiar e raro odonato poño unha imaxe de arquivo, tomada no humidal de San Xurxo (Ferrol) en 2017, tamén coa Sony:

Libeliña peluda (Brachytron pretense)
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:64   V:1/400   F:4

 Terminamos cunhas imaxes da contorna, para que se poda apreciar como é o medio natural que rodea este regato. Un pequeno cauce onde por certo tiven a  miña primeira observación de Esmeralda de Curtis (Oxygastra curtisii).



Paisaxes da contorna

 E con estes fermosos insectos e con este sol rematamos un post primaveral. Xa tardaba, non?

Viewing all articles
Browse latest Browse all 1160