Agora moitos e moitas de vós andaredes de viaxe (sorte e moita precaución na estrada se toca conducir!). Eu sigo na etapa máis sedentaria da miña vida, sen saír de Ferrol, sensu lato.
As Regas de Casalousada (Moeche)
Samsung A25 ISO:125 V:1/250 F:1,8
Esta mañá aproveitaba unha pequena tregua meteorolóxica para voltar ás Regas de Casalousada. Cando voltaba para Ferrol xa comezaba chover de novo. Levei o armamento pesado e nestes casos fago as fotos de paisaxe co teléfone móbil, por non andar cambiando obxectivo. Tampouco aspiro a gañar un premio coas miñas fotografías.
A parella de miñatos negros segue no seu sitio. Digo "parella" por simple dedución, pois non coñezo que haxa dimorfismo sexual nesta especie. Ún dos exemplares mostra a cabeza moito máis clara pero debe ser por cuestión de idade.
Miñatos negros (Milvus migrans). Toma recurtada desde 140 m aprox
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3 ISO:1600 V:1/250 F:6,3
Con boa luz tería a posibilidade de recurtar moito máis as fotos. Así e todo non quedaron mal se temos en conta a grande distancia a que estaban (obviamente non quero poñer en risco a viabilidade deste niño e non me achego máis do estrictamente necesario para documentación).
De todas formas para estas cousas non hai nada como a Nikon P1000. Unha vez asumido que non vou afrontar o enorme gasto do Zuiko 150-400 f:4,5 (seguirá a ser un soño húmido) volver a pillar a P1000/P1100 semella algo moito máis factible e que caerá a curto prazo.
Parella de miñatos negros. Distancia: un 160 m
Miñatos negros (Milvus migrans). Toma moi recurtada desde 115 m aprox (Sig Pac)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3 ISO:2500 V:1/320 F:8
O lavanco real é a única acuática reprodutora no val do Xuvia actualmente. Estes días estaba a ver machos en vóo. Hoxe apareceu unha femia que saíu voando na contorna do Rego de San Xurxo, un rego tributario do propio Xuvia, que por certo viña hoxe crecidísimo.
Lavanco real (Anas platyrhynchos)