Quantcast
Channel: Bichos e demais familia
Viewing all articles
Browse latest Browse all 1159

Censo completo na lagoa da Frouseira (Valdoviño)

$
0
0

    Aproveitando que o persoal anda de "resaca" e que vai mal tempo esta mañá achegueime á lagoa da Frouseira, en Valdoviño (A Coruña). A canle xa está aberta pero debido á preamar a lagoa estaba bastante chea (nos próximos meses a súa dinámica será estuarina, case coma unha ría).

Anatídeas na ribeira norte

  Non levei o telescopio, que está pendente de "entrar en quirófano" (un pequeno accidente...). Mais entre os binóculos e o teleobxectivo da cámara amañei para facer un censo bastante digno. Poño os dados das acuáticas contadas hoxe:

  • 1 Cisne mudo (Cygnus olor). Non hai quen o bote dalí....
  • 2 Patos cullereiros europeos (Spatula clypeata)
  • 80+ Patos cincentos (Mareca strepera). Seguramente habería 100+
  • Aproximadamente 400+ lavancos reais (Anas plathyrhynchos). Sen telescopio é difícil precisar esta especie, que se espalla por todo o vaso lagunar
  • 25 Cercetas comúns (Anas crecca) aprox. Moi lonxe
  • 3 Patos cristados (Aythya fuligula)
  • 90 Merguilletes comúns (Tachybaptus ruficollis) contados mediante fotografías (as cámaras tamén serven para iso). Había algún máis
  • 81 Galos de auga (Fulica atra), contados tamén en foto, aínda que neste caso a cifra pode non ser exacta. Os tempos en que nestas alturas do ano había centos deles pasaron á historia. 
  • 1 Píllara real (Charadrius hiaticula)
  • 1 Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos)
  • 20-25 Pilros comúns (Calidris alpina)
  • + Gaivotas de patas amarelas (Larus michahellis)
  • + Mascatos comúns (Morus bassanus) pasando en migración diante da praia
  • 15 Corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo)
  • 4 Garzas reais (Ardea cinerea)
  • 1 Aguia pescadora (Pandion haliaetus)
  • 1 Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus)

Patos cincentos (Mareca strepera) e pilros comúns (Calidris alpina)

Grupo de galos de auga (Fulica atra)

Grupo de merguilletes (Tachybaptus ruficollis)

  Bon, a lagoa está xa 100% operativa para a sedimentación de acuáticas grazas á apertura mecánica da canle e posterior baleirado. A desfrutar da invernada.


Viewing all articles
Browse latest Browse all 1159