É tempo de verao, é tempo de libeliñas. Esta mañá José Ramón Castro e mais eu visitabamos o encoro das Forcadas para facer unha mostraxe odonatolóxica, cun resultado de só 6 especies de libeliñas, algo insólito a estas alturas do ano e que indica perfectamente o dano terríbel que causou o proceso de eutrofizacións das augas (e o cangrexo vermello tamén, supoño).
Sigo sen ter claro qué especie de Lestes son os numerosos exemplares atopados na enseada do Pereiro. Por unha banda mostran caracteres diagnósticos de barbarus, pero tamén de virens.
Gaiteiriño bérber/verdescente (Lestes barbarus/virens)
Sony RX10 III focal 600 mm ISO:200 V: 1/320 F:4
A nivel xeral semellan gaiteiriños bérber (Lestes barbarus), presentes na veciña lagoa da Frouxeira. Porén mostran pruinosidade (cor azul) nos últimos segmentos abdominais S9 e S10, como ten o gaiteiriño verdescente (Lestes virens). Respecto aos apéndices anais e logo de ver moitas fotografías sigo sen ter clara a identificación. Agradécense comentarios.
Gaiteiriño (Lestes barbarus/virens)
Apéndices anais dun macho
O declinio na variedade e cantidade de odonatos é alarmante polos motivos apontados, con varias especies que podemos considerar desaparecidas. As donceliñas van aguantando e hoxe víamos varias deceas na enseada do Pereiro, case todas donceliñas litorais (Ischnura elegans).
Donceliña litoral (Ischnura elegans) macho
O outro día observabamos e fotografamos varios exemplares que semellaban graellsii, sen espiña no pronoto e de tamaño claramente menor.
Donceliña ibérica (Ischnura graellsii)
Aínda quedan donceliñas de copa, un delicado zigóptero típico de augas abertas extensas. Boto de menos as espectaculares donceliñas de ollos vermellos (Erythromma viridulum), definitivamente extinguidas desde que as augas se eutrofizaron.
Donceliña de copa (Enallagma cyathigerum)
O emperador grande semella ún dos anisópteros que mellor atura a eutrofización. Outros, coma L. quadrimaculata ou O. cancellatum desapareceron do encoro.
Emperador grande (Anax imperator)
Emperador grande (Anas imperator) macho
Tamén daba por extinguido o lavacú escarlata, mas hoxe atopabamos este macho no Pereiro:
Lavacú escarlata (Crocothemis erythraea) macho
Sony RX10 III focal 600 mm ISO:250 V:1/320 F:4
Cambiando de tema, sobre unha umbelífera Jose Ramón achaba dous exemplares de Misumena vatia, unha das arañas cangrexo máis comúns .
Araña cangrexo (Misumena vatia)
Ao abrigo da fresca que proporciona a salgueiral pantanoso, JR atopaba tamén un adulto de rá vermella, agora chamada Rana parvipalmata. Para min sempre é motivo de ledicia ver este anfibio. Por certo, a Sony RX10 demostrando por qué vale o que vale (sen dúbida a mellor cámara bridge con MOITA diferenza sobre a seguinte).
Rá vermella (Rana parvipalmata)
Sony RX10 III focal 600 mm ISO:2000 V: 1/125 F:4
Terminamos coa auténtica especialidade de Forcadas: o bilurico alinegro, unha pequena limícola que agora está a aumentar os seu efectivos en paso. Esta mañá contábamos seis exemplares en só duas paradas, sen cubrir a totalidade do encoro.
Biluricos alinegros (Tringa ochropus)
Bilurico alinegro (Tringa ochropus)
Biluricos alinegros (Tringa ochropus)
Bilurico alinegro (Tringa ochropus)
En fin, a pesares da eutrofización, do visón americán, do xabalí, dos eucaliptos e do cangrexo vermello Forcadas segue a ter momentos....