O domingo pasado achegueime de novo ao encoro das Forcadas, onde non había case acuáticas. Ademáis subíu o nível hídrico, desaparecendo zonas de lama óptimas para limícolas na cola de Vilaboa. Pouco parei.
Encoro das Forcadas (Valdoviño)
Por aquilo de non volver xa para casa fun aos campos de Taraza, en Meirás, que tamén estaban bastante mortos de bicharía.
Camiño principal de Taraza
Alomenos puiden sacar unhas fotos de paporrubio. Aínda que pareza incríbel non tiña ningunha foto decente da sp, sendo como é un dos nosos paxaros máis abondosos.
Paporrubio (Erithacus rubecula) cantando
Nikon P1000 focal 2000 mm ISO:110 V:1/250 F:8
Perto dalí varias pegas alimentábanse de insectos ou carrachas pousados nunha besta.
Pegas (Pica pica) desparasitando un cabalo
O mellor veu coa observación dunha martaraña, por desgraza atropelada, na parroquia de Lago.
Martaraña (Martes martes) atropelada
A importancia desta observación é que supón a primeira cita na cuadrícula NJ62 (pintada co círculo azul), se non estou errado. A que está debaixo (NJ61) indica unha observación en Barallobre (Fene) case na ribeira da ría. Usando as webs de biodiversidade.eu e mais Observado tentei recoller todas as citas rexistadas na comarca de Ferrol (a maioría miñas), ao norte do río Eume e ao oeste do Sor, aproximadamente. Son moi torpe para esas cousas e penso que non están todas.
Mapa da comarca de Ferrol (terras de Trasancos-Ortegal-As Pontes)
En negro citas rexistadas, en azul cita deste domingo en Lago (Valdoviño)
Nesta foto panorámica podemos ver a lagoa da Frouxeira ao fondo e, máis atrás e cun azul máis escuro, o mar. A progresión da martaraña cara a costa nas últimas décadas resulta espectacular. Algo positivo nun contexto de malas novas ecolóxicas diarias.
Martaraña e entorno do atropelo
En fin, unhas veces temos sorte e podemos observar exemplares vivos a plena luz do día, outras veces son os seus rastros o que atopamos e, por desgraza, tamén achamos exemplares mortos na estrada. En calquer caso a marataraña chegou xa á costa ferrolá. Será cuestión de tempo que podamos detectala nas cuadrículas máis occidentais, pertencentes ao propio concello de Ferrol.