O grupo de mergullóns de pescozo negro, mergo cristado e pato rabeiro segue aquerenciado na enseada de Maniños (Fene), onde esta mañá tentaba fotografalos mellor.
Grupo delicatessen
Non é doado, por moita P1000 que se teña. Hai unha norma absoluta en fotografía de bichos: canto máis perto mellor. Tratándose de fotos na auga o factor distancia engade un problema a maiores como é a reverberación producida polos raios de sol en días anticiclónicos. Unha focal de 2000 ou 3000 mm permite disparos a moita distancia, pero toda esa "distancia" inclúe o aire, o vapor e a reverberación presente entre a cámara e o obxecto. Por ese motivo resulta máis difícil aínda tirar umha imaxe limpa e nítida.
Pato rabeiro (Clangula hyemalis) integrado en grupo de mergullóns
Por suposto, está o problema dos negros (que non se alporice o público, que non me volvín racista). Falo da dificultade que teñen todas as cámaras
bridge para tratar os contrastes de negro puro sobre fondo claro e que se manifesta na aparición de
halos. Reducindo a ferramenta "detalle" de Lightroom redúcese a aparición destes halos, mas non soluciona totalmente o problema. Supoño que é algo que conleva un sensor tan cativo como o destas compactas.
Mergo cristado (Mergus serrator), pato rabeiro (Clangula hyemalis) e mergullóns
Eu marchei dalí e ao pouco chegaba Pedro Cruzado, que puido desfrutar a observación das tres especies, todas emblemáticas das rías galegas, onde teñen poboacións invernantes regulares (con individuos solitarios no caso do rabeiro).
Peirao de Maniños, miradoiro ornitolóxico principal da ría de Ferrol
Despídome coa única foto decente que puiden sacar hoxe, que tampouco é para botar foguetes.
Mergullóns de pescozo preto (Podiceps nigricollis)
Nikon P1000 focal 2400 mm ISO:125 V:1/400 F:7,1