Quantcast
Channel: Bichos e demais familia
Viewing all articles
Browse latest Browse all 1159

14/04/2025 Rolas turcas e pombos torcaces

$
0
0

    Levo anos buscando un lugar onde pasear tranquilamente e ao cal poda chegar camiñando desde casa ou, cando menos, facer poucos quilómetros no carro. O máis parecido é o val do Xuvia pero segue estando un pouco lonxe.

   Cada ano que pasa gosto menos de conducir, por diferentes motivos. Agora comeza a mellor época para bichear, na cual tiña programada algunha excursión importante. Sen embargo é probable que finalmente quede por aquí. O sábado deixaba o veículo aparcado na rúa e saía dar unha camiñada polo O Alto do Castaño (1) (Narón), lugar onde nacín e vivín ata a adolescencia.

Vía da FEVE

  Esta zona de Narón, lindeira co concello de Ferrol, forma parte esencial da miña memoria e sempre que vou por aló saco algunha foto de paisaxe, moi diferente hoxe a como era hai corenta anos.

Barrio da Solaina (Narón)



       Cando fago camiñadas de catro ou cinco quilómetros (o dobre cando prosigo até San Pedro de Leixa) o equipo grande queda na casa, obviamente. Agora que vendín a Nikon P950 a única bridge que me queda é a Sony RX10 III, así que non teño moito onde escoller.
 
Solares sen edificar


  Pola rúa que vai ata a ponte peonil sobre o FEVE hai moitas fincas e hortas abandonadas. Días atrás observara unha elevada densidade de rola turca (Streptopelia decaocto), algunhas pousadas moi confiadas. Precisamente nos xardíns daquelas casonas foi onde vira por primeira vez esta rula a mediados dos anos oitenta. Coa intención de fotografar a especie fun por aló o sábado.

Finca abandonada

Rúa Fonte da Cruz desde a ponte sobre o FEVE

   Nesta ocasión non tiven tanta sorte e apenas puiden fotografar un par de turcas, a media distancia e con mala luz.

Rola torca (Streptopelia decaocto). Distancia: 45 m aprox
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:1000   V:1/200   F:4

    Por observacións persoais directas sei que as pegas rabilongas son predadoras das nidadas de pombo torcaz (Columba palumbus) e rolas turcas. Agora que comezou o período reprodutor de ambas especies as pegas vixían de maneira descarada os seus movimentos por se atopan os niños. Por certo que os niños destes colúmbidos son realmente cativos para o tamaño das aves.
  O sábado unha parella de pegas foron directas canda a rola torca e quedaron xunto dela un bon pedazo. As intencións podo imaxinalas.

Rola torca vixiada por pegas rabilongas (Pica pica)

    A estación reprodutora do pombo torcaz é amplísima, con presenza de voantóns mesmo en pleno inverno (observación persoal en Pontedeume). Este adulto acababa de levar unha poliña ao seu niño, situado nunha pequena árbore. Deixei que a colocara e logo lle tomei un par de fotos. Con ISO bastante alto, así que houbo que empregar a I.A. para redución de ruido.

Pombo torcaz (Columba palumbus)
Sony RX10 III focal 500 mm  ISO:2500   V:1/250   F:4

Pombo torcaz (Columba palumbus)
Sony RX10 III focal 500 mm  ISO:3200   V:1/250   F:4

  E así terminamos por hoxe este post breve.

(1) O nome correcto é  Alto do "Castiñeiro" ou "Castañeiro" mas nunca tal escoitei daquela e fáiseme moi raro pronuncialo así, a verdade. Quizá por ser unha forma máis longa.

Viewing all articles
Browse latest Browse all 1159