Quantcast
Channel: Bichos e demais familia
Viewing all articles
Browse latest Browse all 1159

08/04/2025 Miñato negro (Milvus migrans), nova especie reprodutora en Moeche

$
0
0

 Esta mañá facía outra visita ás Regas de Moeche. É un pouco cedo no calendario pero xa estou coas "esperas mustélidas".


  O cruzamento de varias pistas (asfaltadas e de terra) semella ser un "ponto quente" para carnívoros e adoito atopar pegadas/cacas de porco teixo, martaraña ou mesmo lobo. Tamén hai un paso de xabalí, que hoxe deixaba pegadas moi frescas pouco antes de chegar eu.

Lugar con pegadas diarias de teixugo (Meles meles)

Waiting for the sun (08:04 hora española)

Estrada principal de As Regas

    Coma sempre, logo de facer a espera a mamíferos, realizo unha mostraxe ornitolóxica, cando xa estou tremendo de frío e cos dedos entumecidos (aínda fai fresca de mañá).

Chasco europeo (Saxicola rubicola)

      Xa voltaron de África os picafollas ibéricos (Phylloscopus ibericus) e as anduriñas comúns (Hirundo rustica). A semana que vén chegarán as primeiras folosas políglotas (Hippolais polyglotta). Outros migrantes transaharianos coma o picanzo vermello (Lanius collurio) ou o abelleiro europeo (Pernis apivorus) aínda tardarán un mes máis. Podedes ver a listaxe de aves observadas hoxe neste enlace de eBird, case todas especies de carácter eurosiberiano.

Carriza eurasiática (Troglodytes troglodytes)
Sony RX10 III focal 600 mm    ISO:1000   V:1/400   F:4
 
   Unha das aves migrantes recén chegadas é o miñato negro (Milvus migrans), rapina que se está a asentar definitivamente na comarca de Ferrol-Transancos-Ortegal.

Miñato negro (Milvus migrans)
Sony RX10 III focal 600 mm    ISO:320   V:1/500   F:4

 Por desgraza tiña a cámara configurada para disparar só en JPEG (estes días ando moi despistado con perdas de concentración importantes). Unha mágoa, porque a seguinte imaxe é de grande valor documental. Nada máis e nada menos que un miñato negro carrexando unha poliña para a construción do niño, algo aínda raro de ver por estas terras do estremo norte peninsular.

Miñato negro (Milvus migrans). Toma JPEG orixinal
Sony RX10 III focal 600 mm    ISO:100   V:1/640   F:4

 Tiven que recdurtar ao límite para poder ampliar o suficiente e que se vise o importante. Para estas cousas os RAW permiten moito máis que os JPEG.


Toma anterior moi recurtada

  Ademáis puiden seguir a traxectoria do miñato negro e descubrín que pousou nun carballo onde terá idea de contruir o seu niño. Unha construción que se non aparece unha femia de pouco valerá, porque estes días só vexo un único exemplar, que deduzo será o macho. A ver se hai sorte e conquista algunha miñata que pase por alí.

Miñato negro (Milvus milvus) en posible emprazamento de niño. Moeche (A Coruña)

 E con esta boa nova rematamos por hoxe. 

Viewing all articles
Browse latest Browse all 1159