Nos últimos meses cheguei a pensar que a presión mascotista diminuíra no "espazo protexido" da Frouseira. Iluso de min.... Hoxe, en 45 minutos alí pasaron un caniche, un pastor escocés, un pastor alemán e un rotweiller, todos soltos e facendo o que lles daba a gana en plena época de cría do lavanco real (varias parellas aniñan nas inmediacións do propio paseo e os primeiros pitos están a piques de saír se é que non saíron xa).
O pastor alemán achegouse a min case tocándome cando gardaba o trípode no maleteiro do coche mentras o seu dono escoitaba música no iphone e non facía amago sequera de chamalo. O pastor escocés corría cen metros diante do seu propietario asustando canta ave había no borde da lagoa (métese na auga moitas veces). Co delincuente do rotweiller tiven a osadía de falar. Textualmente a nosa conversa foi así:
(Eu): "Qué, sen correa nin bozal, non"?
(Resposta): "El bozal no es obligatorio (mentira). La correa sí".
Despois deu volta con medio sorriso e continuou como se nada. Polo menos non me ameazou con darme unha hostia, todo un logro nesta ditadura que vivimos. O máis grave é que moitos deles pasan todos os días á mesma hora co can ceibo. O cual evidencia complicidade por parte de Policía Local, Guardia Civil e Axentes da Xunta que patrullan a diario polo paseo. Claro que se logo os propios "colegas" paxareiros van co seu can solto por espazos naturais como Valdoviño, Cecebre ou Ortigueira incumprindo eles mesmos a lei, pois apaga e vámonos.
En fin, de verdade que non tiña pensado falar máis deste tema. Sobretodo porque nestes momentos de forte depresión o que menos necesito son discusións ou anoxarme. Precisamente por ese motivo deixarei de ir pola lagoa unha temporada excepto momentos moi pontuais (e en horario de mediodía). Eu saio ao campo para me relaxar. E agora imos coa entrada.
ENTRADA:
Históricamente marzo era o mes no que comezaba a pasaxe migratoria na Frouseira, con algunhas acuáticas moi habituais nestas datas: cerceta albela (Spatula querquedula), pato rabilongo (Anas acuta), píllara pequena (Thinornis dubius), fuselo de rabo negro (Limosa limosa), bilurico común (Tringa totanus) ou combatente (Calidris pugnax). Non é que fosen todas elas anuais pero era raro o mes de marzo en que non aparecían varias destas especies. Sen embargo neste 2025 non vin ningunha aínda nin atopei citas doutros observadores.
Esta mañá levei a P950 por aquilo de darlle uso tamén.
Fixen un censo completo da lagoa que dou a continuación:
- 14 Patos cincentos (Mareca strepera). A lagoa estaba baleirando logo dunha forte preamar de madrugada, así que moitas anatídeas ficaban aínda en áreas de canaval
- 85 Lavancos reais (Anas platyrhynchos). 56 machos e 29 femias, todas acompañadas pola súa parella. O resto de machos espallados individualmente pola lagoa sen formar grupos patentes agás ún de 5 exemplares que perseguían en vóo a unha femia sobre a xunqueira
- 61 Cercetas eurasiáticas (Anas crecca)
- 18 Gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus)
- Gaivotas grandes comúns (Larus michahellis/fuscus). Poucas deceas
- 1-2 Mergulletes comúns (Tachybaptus ruficollis). Hai máis. Non me parei con eles. Como xa dixen a lagoa estivera moi chea de madrugada e cando pasa iso métense no canaval
- Uns 10 corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo)
- 18 Cullereiros comúns (Platalea leucorodia)
- 2 Garzas brancas pequenas (Egretta garzetta)
- Varias garzas reais (Ardea cinerea)
- 1 Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus). Por certo, veño de ler en ebird (preme) unha interesantísima cita de Pablo Vázquez, Ángel Couce e Raquel Iglesias na que falan de dúas femias carrexando material para construción de niño na lagoa de Caque (Lugo). Quizá "unha" delas fose un macho subadulto pero en calquer caso unha observación extraordinaria. Eu desde logo non coñezo casos de reprodución de aeruginosus na metade norte galega en tempos recentes. Parabéns, rapaces!